A directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, destacou hoxe ante a Comisión 3ª do Parlamento Galego que a Xunta está a traballar en todos os ámbitos da súa competencia para solucionar o problema das preferentes co obxectivo de que os afectados poidan recuperar o seu diñeiro o antes posible.

  • A directora xeral de Comercio recorda que a Consellería busca solucións para que os afectados recuperen o seu diñeiro ofrecendo a posibilidade da arbitraxe, colaborando coa Fiscalía e tramitando as reclamacións á CNMV, ao tempo que se estuda a existencia de cláusulas abusivas.
  • Castro salienta que preto do 75% dos afectados que presentaron a súa reclamación ante o Instituto Galego de Consumo optaron pola arbitraxe, unha vía voluntaria, áxil, gratuíta e complementaria con outras opcións
  • O IGC, que habilitou puntos de atención específicos nas zonas de máis demanda, ofrece desde o primeiro momento información e asesoramento aos consumidores afectados.
Instituto Galego de Consumo

Castro recordou que, ademais de informar sobre a vía da arbitraxe como unha das solucións posibles, estase a traballar en paralelo analizando a comercialización deste produto financeiro tanto en colaboración coa Fiscalía como a través da presentación de reclamacións ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), ao tempo que se estuda a existencia de cláusulas abusivas.

A directora xeral de Comercio incidiu en que foron un total de 818 afectados, preto do 75% dos que presentaron reclamacións a través do Instituto Galego de Consumo, os que solicitaron de forma individualizada ata o momento a arbitraxe, despois de ser informados sobre as distintas vías de reclamacións existentes. Esta alternativa necesita do visto bo de Bruxelas.

A arbitraxe é, tal e como manifestou Nava Castro, complementaria con outras alternativas e que conta cunha resolución de obrigado cumprimento para as partes, xa que o laudo arbitral ten a mesma validez que unha sentenza xudicial. Ademais, pode quedar resolta no prazo máximo de catro meses, fronte á vía xudicial, que se resolvería nun prazo de ata 5 ou 6 anos.

Na súa intervención a directora xeral de Comercio tamén salientou a relevancia do traballo en conxunto coa Fiscalía Superior de Xustiza de Galicia, á que se lle trasladaron ata a data 730 expedientes desde o pasado mes de febreiro, que serán a base da demanda colectiva que está a preparar a fiscalía.

Ademais, a representante de Economía e Industria lembrou que a Xunta está en constante contacto coas asociacións de consumidores e plataformas e traballa desde o primeiro momento ofrecendo información e asesoramento aos afectados, ao tempo que se tramitan as reclamacións. Para iso, o IGC, que conta con sedes nas sete grandes cidades, habilitou puntos específicos de asesoramento en colaboración cos concellos no Rosal, Cangas, Ponteareas, Vilargarcía de Arousa, Cambados, Marín, O Porriño, A Guarda, Tomiño e Tui, por ser as zonas nas que existía unha maior demanda, e impartiuse formación específica aos profesionais que atenden aos consumidores nas oficinas de consumo dos concellos e nas asociacións de consumidores.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí