As actividades da campaña de verán da Xunta chegarán este ano a preto de 8.200 mozos e mozas de entre 9 e 35 anos

Preto de 8.200 mozos e mozas poderán participar este ano na campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar para ofertar á mocidade actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo. As actividades, que este ano chegarán a case 100 persoas máis que o anterior, están dirixidas á persoas entre 9 e 35 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa esta iniciativa, que sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). O departamento autonómico inviste case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Rodeiro puxo en valor o esforzo da Xunta para manter esta campaña, e mesmo o seu incremento, fronte a outras comunidades autónomas que suspenderon esta actividades pola actual situación económica. Destacou esta aposta non só polo carácter cultural e lúdico que ten para os mozos e mozas ou pola xeración de emprego que supón, senón tamén porque favorece a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante os meses estivais.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

Campamentos de verán

O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo,ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias. Este verán haberá 4.990 prazas en Galicia, ás que se suman un total de 173 noutras comunidades autónomas. A maiores, reservaranse 271 prazas para menores con discapacidade, fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, ou menores tutelados.

Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto e poderán participar nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación da orde no DOG, que é hoxe. O sorteo das prazas realizarase, ante notario, nos 45 días seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia.

A praza inclúe o programa de actividades, o aloxamento, a manutención en réxime de pensión completa, o material, e atención sanitaria. No caso de traslado a outras comunidades autónomas, inclúese tamén o transporte desde Santiago de Compostela ata o destino.

Ademais das prazas de xestión directa, Xuventude tamén oferta o uso das súas instalacións entre o 15 de xuño e o 30 de setembro ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, concellos e mozos non asociados. A través desta fórmula, porase a disposición da mocidade un total de 1.815 prazas en doce instalacións distribuídas nas catro provincias galegas.

Actividades para maiores de 18 anos

Para os maiores de 18 anos e menores de 35, este ano volverase a organizar unha serie de actividades destinadas a este grupo de idade. Serán un total de 393 prazas, na costa e no interior, que perseguen ofertar unha alternativa responsable dentro do ocio e tempo libre.

Nos meses de verán poranse en marcha o “H2O+18: barrancos do Miño” e “Surfeando no Cantábrico”. Inclúense actividades deportivas e de coñecemento da cultura da auga galega, como o barranquismo, kaiak, BTT, xeocaching, surf, bodyboard, escalada e sendeirismo.

Tamén se organizan “Rutas en kaiak. Emprende no mar” na Ría de Vigo, cun percorrido de cinco días pola costa. Os mozos e mozas tamén poderán participar en actividades como tiro con arco, orientación ou snorquel na Illa de San Simón.

Este ano levarase a cabo tamén o proxecto “Conecta Galicia”, un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior. Ao abeiro desta actividade, organizaranse actividades lúdicas e tamén sobre o Camiño de Santiago e o mar galego para descubrir o patrimonio histórico cultural, así como o medio mariño.

En total, os mozos da Galicia exterior terán reservadas 180 prazas entre as que se inclúen as deste programa e 20 a maiores en campos de traballo.

Campos de traballo

Para os maiores de 18 anos tamén se poñen en marcha os campos de traballo, cun total de 310 prazas en Galicia. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria.

Na Comunidade Autónoma organizaranse campos de traballo de diferentes temáticas: de conservación e información ambiental nas Illas Cíes; ambiental e etnográfico en Lalín; medioambiental en Vilar de Ordelles e Muíños; de bioconstrución en Vilar de Barrio; de audiovisual en Celanova; e cultural e etnográfico en Ponteceso.

Tamén haberá campos arqueolóxicos en Boqueixón e Rois; e de emprendemento en Palas de Rei.

Toda esta oferta estará á disposición da mocidade galega, e especialmente do resto de comunidades autónomas e de países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón.

Os galegos e galegas poderán asistir ao mesmo tipo de actividades organizadas ao longo do territorio español e en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal, Xapón, México, Corea do Sur, ou Taiwan. Neste programa ofértanse máis de 220 prazas: 89 en distintas CCAA e 136 no estranxeiro.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí