A Xunta ofrece preto de 2.000 prazas en Lugo para mozos e mozas interesados en participar nas actividades da campaña de verán

A Xunta de Galicia convoca 1.968 prazas na provincia de Lugo para participar en campamentos, campos de traballo e outras ofertas da Campaña de Verán de actividades dirixidas á mocidade.

Así o explicou hoxe a delegada territorial, Raquel Arias, na rolda de prensa na que presentou a oferta da provincia de Lugo, e na que destacou que os mozos e mozas lucenses poden optar a unha ampla oferta, que suma en total case 8.200 prazas, que comprende tanto instalacións da Xunta en distintos concellos galegos como estancias noutras comunidades autónomas e mesmo en países estranxeiros.

Arias subliñou que a Consellería de Traballo e Benestar incrementa a oferta global de prazas, aumento que é especialmente significativo na provincia de Lugo, onde suma case un 5% con respecto ás 1.818 ofertadas no 2012. Evidénciase, asegurou a delegada, a aposta da Xunta por esta campaña, que outras comunidades autónomas suspenderon pola actual crise económica.

Ao respecto, Arias defendeu a dimensión cultural e lúdica dos programas da Campaña de Verán, pero tamén “que xeran emprego, dinamizan o entorno no que se desenvolven e favorecen a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante os meses estivais”.

Nesta liña, explicou que a Campaña de Verán xerará preto de 900 postos de traballo en Galicia. “Só na provincia de Lugo, prevese que as empresas de ocio e tempo libre poidan contratar este verán a arredor de 225 persoas entre monitores, persoal sanitario, persoal de cociña ou limpeza de instalacións, na súa gran maioría xente nova”, afirmou. Así mesmo, engadiu, recórrese con frecuencia a empresas locais para labores de mantemento.

O prazo para solicitar praza nas actividades da campaña estará aberto ata o 17 de abril. Os campamentos terán lugar nos meses de xullo e agosto nun total de 18 albergues, campamentos e residencias distribuídos por toda a xeografía galega, 5 deles en Lugo: Residencia Xuvenil LUG II da capital; Albergues xuvenís Area, en Viveiro, e Benigno Quiroga en Portomarín, e Campamentos A Devesa, en Ribadeo e Os Chacotes en Palas de Rei.

Tamén se ofertan 89 prazas de intercambio no País Vasco, Castela e León, Estremadura, e A Rioxa, así como 90 prazas no estranxeiro, en países como Francia, Alemaña, Finlandia, Italia, Países Baixos, República Checa, Portugal e incluso algúns tan lonxe como Xapón, México, Corea do Sur e Taiwan.

As actividades van dirixidas á mocidade galega en xeral, pero están distribuídas por tramos de idade: Campamentos para menores de entre 9 e 17 anos e outras actividades, como os campos de traballo, para maiores de 18.

Resérvanse un total de 271 prazas para menores con discapacidade, fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, ou menores tutelados.

Tamén se desenvolven accións destinadas a mozos e mozas galegos ou descendentes de galegos residentes no exterior. Así, o LUG II acollerá na primeira quenda do mes de xullo desenvolverase o programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas residentes en Arxentina, Brasil, Uruguai, Venezuela e Chile.

Entre as principais novidades cabe destacar que o campamento xuvenil de Os Chacotes, en Palas de Rei, acollerá na segunda quincena de xullo o campo de traballo de ámbito internacional New Emprende. Os participantes farán un estudo emprendedor que teña que ver co tecido empresarial da zona e no que se impliquen persoalmente coa mocide do entorno para a súa dinamización.

Para ampliar información relativos ao programa da campaña de verán do presente exercicio, pódese visitar a web específica do mesmo no enderezo: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran.html.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí