A asociación Aecra de profesionais da seguridade privada adhírese ao sistema arbitral de consumo

  • A presidenta da Xunta Arbitral de Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o presidente da asociación, José Iglesias Sobrino asinaron esta mañá a adhesión da entidade
  • Aecra comprométese a participar, fomentar e difundir a arbitraxe de consumo como medio de resolución de conflitos

A presidenta da Xunta Arbitral de Consumo e directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o presidente de Aecra (Asociación Europea de Profesionais para o coñecemento e regulación das actividades de seguridade cidadá) asinaron esta mañá en Santiago o compromiso de adhesión da asociación ao sistema arbitral de consumo de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria.

Aecra comprométese así a participar, fomentar e difundir este sistema como medio de resolución dos conflitos que poidan xurdir entre as empresas provedoras de servizos de seguridade privada e os usuarios que contraten os mesmos.

Tal e como se reflicte no compromiso asinado hoxe no marco da I Xornada Aecra de Seguridade Privada, mediación e arbitraxe de consumo en Galicia, a asociación fomentará entre os seus asociados, asociacións do sector da seguridade privada e as persoas consumidoras en xeral, a mediación previa, a utilización do Sistema Arbitral de Consumo e a adhesión ao mesmo.

A colaboración esténdese tamén ao ámbito da información e ao da formación en materia de seguridade privada dos técnicos de Consumo. Ademais, Aecra poderá propor a aquelas persoas que poidan ser designadas como árbitros nos colexios arbitrais que resolvan conflitos no ámbito da prestación de servizos de seguridade privada.

Con esta nova adhesión, avánzase na incorporación de entidades ao Sistema Arbitral de Consumo de Galicia, dentro da aposta do Instituto Galego de Consumo pola resolución extraxudicial de conflitos mediante a mediación e a arbitraxe de consumo.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí