Aberto o prazo de inscrición para as 1.000 prazas de ‘Xuventude Galicia Net’, que se celebrará entre o 10 e o 12 de maio en Santiago.

Hoxe abriuse o prazo de inscrición para as 1.000 prazas que oferta este ano a decimo cuarta edición da party informática “Xuventude Galicia Net”. As datas elixidas para celebrar este evento serán o 10, 11 e 12 de maio, no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

As solicitudes, que serán tidas en conta por orde de inscrición, poden realizarse a través da web http://xuventude.xunta.es. Os posuídores do carné xove aboarán unha taxa de dous euros, que será de 6 euros para os que non conten con este documento.

Os destinatarios, mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, poderán acceder durante 72 horas a unha ampla variedade de actividades, a maioría delas orientadas á formación e ao fomento do emprendemento.

Este ano, ao igual que na edición anterior, priorizaranse as actividades informáticas relacionadas coa formación técnica, divididas en tres bloques temáticos.

O primeiro deles céntrase no hardware, e estará composto por obradoiros e actividades prácticas que permitirán aos participantes experimentar de primeira man o coñecemento que impartan os poñentes. Nesta primeira área, trataranse temas como as impresoras en 3D, robótica, ou o Open Hardware.

O segundo bloque céntrase nas aplicacións de software. Basearase especialmente no método, e non tanto na técnica, e amosará as últimas tendencias en desenvolvemento que se atopan no mundo empresarial, como o software como plataforma de xeración de negocio, novos paradigmas de programación ou a xestión de equipos de desenvolvemento.

As experiencias empresariais centrarán o terceiro bloque. Nestas actividades o obxectivo será ofrecer unha visión nova e innovadora a través de relatorios e experiencias contadas en primeira persoa por emprendedoras que conseguiron facer da súa idea un negocio.

Xa no que se refire á parte propiamente da party como festival informático, os inscritos poderán realizar competicións oficiais de videoxogos; concursos de modding (modificar, de forma estética ou funcional os ordenadores); ou actividades relacionadas co hardware e overclocking (consiste en aproveitar ao máximo os compoñentes orixinais dun sistema informático para que funcionen a maior rendemento) a través de obradoiros, charlas e exhibicións.

Como en anteriores edicións, a entrada acollerá as actividades da “extranet”, que é a parte aberta a todos os públicos. Así, no exterior do recinto ás persoas que se acheguen poderán facer uso das instalacións de paintball, rocódromo, outros xogos ou disfrutar de exhibicións de graffiti.

Xa dentro do Palacio e tamén aberto para todo o público, haberá acceso a consolas e videoxogos, ciclos temáticos de cine, maquilladores, e un posto sobre ciencia divertida para espertar o interese científico nos máis cativos.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí