A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, vén de activar un programa de colaboración coas asociacións de consumidores para a posta en marcha de actividades de formación, divulgación e sensibilización á cidadanía en materia de subministración eléctrica.

Así, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria de axudas por 12.000 euros con apoios para o desenvolvemento de obradoiros encamiñados a identificar, esclarecer e dar a coñecer os dereitos como usuarios do sector eléctrico e os datos esenciais que conforman a factura; así como a sensibilizar e concienciar da importancia do aforro no consumo eléctrico, afondando nas diferentes clases enerxéticas dos electrodomésticos ou os distintos tipos de tarifas.

Do mesmo xeito, a través do programa que hoxe se publica tamén se apoia o desenvolvemento práctico de simuladores de consumo eléctrico ou outro tipo de ferramentas que axuden a unha mellor comprensión da factura eléctrica e ao aforro nos fogares; así como a posta en marcha de obradoiros de elaboración e deseño de guías útiles nos que participen os propios consumidores destinatarios.

Cada actividade ou proxecto financiarase con ata 200 euros, cun máximo de 12 actividades ou proxectos por asociación. O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e rematará no prazo dun mes ou cando se esgoten os fondos.

A subministración eléctrica é un ámbito prioritario para o IGC pola súa relevancia no benestar e na economía dos consumidores, desenvolvendo iniciativas de información e divulgación; achegando información e asesoramento e resolvendo as reclamacións presentadas polos cidadáns. Nos seis primeiros meses do ano o Instituto Galego de Consumo tramitou preto de 2.800 reclamacións en materia eléctrica, das cales preto dun 74% foron resoltas de forma favorable para o consumidor.

Co programa que hoxe se publica avánzase na cooperación coas asociacións, unha das claves do traballo a prol da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios do IGC, que mantén acordos de colaboración coas principais organizacións de ámbito autonómico centrados na promoción e o desenvolvemento de actuacións de atención e resolución das reclamacións en materia de protección dos consumidores.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí