A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, está a desenvolver un ano máis unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido.

Así, estanse a intensificar as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio Galego de Consumo.

A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar no Laboratorio de Consumo unha primeira partida de vinte mostras de artigos destinados a menores de 7 anos, entre os que se inclúen disfraces, máscaras, antefaces, perrucas e barbas.

No caso de que se detecte que algún destes produtos presenta riscos, procederase a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

A posta en marcha desta iniciativa enmárcase na intensa labor do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo. Neste sentido, Galicia é a comunidade que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano, xa que é tamén a que máis investiga neste terreo.

No tocante aos produtos de entroido e disfraces, como resultado das actuacións que o Instituto Galego de Consumo levou a cabo ao longo do ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional un total de 15 produtos que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa, tras analizar un total de 38 mostras no laboratorio. Desde o ano 2009, o total de disfraces alertados foi de 95.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí