O programa ‘Caixón Solidario’ de Benestar facilita a entrega de obxectos e materiais ás entidades de acción voluntaria

  • A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado pon a disposición dos doantes un apartado da súa páxina web onde poden consultar en cada momento os organismos que son receptores e de que produtos
  • Neste programa, que se celebra este ano por segunda vez, a Dirección Xeral constitúe un elemento de enlace entre o doante e o receptor
  • Máis de 30 entidades de acción voluntaria inscribíronse no mesmo solicitando diversos materiais necesarios para o seu funcionamento
  • Entre os materiais que demandan están os alimentos non perecedoiros, as cadeiras de rodas, os carriños de bebé, libros de texto, mantas, material de oficina e ofimático ou DVDs de películas ou música

O programa “Caixón solidario” da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, pretende servir de enlace para que os cidadáns e cidadás que dispoñan nos seus fogares de obxectos e materiais que xa non precisan, poidan facelos chegar ata as entidades de acción voluntaria inscritas nesta iniciativa.

A Dirección Xeral pon a disposición dos doantes un apartado da súa páxina web onde poden consultar en cada momento os organismos que son receptores e de que produtos, ademais de proporcionar esta mesma información cando lle sexa solicitada por correo electrónico ou por vía telefónica. Máis de 30 entidades de acción voluntaria inscribíronse no mesmo solicitando diversos materiais necesarios para o seu funcionamento.

Entre os materiais que demandan as entidades están os alimentos non perecedoiros, as cadeiras de rodas, os carriños de bebé, libros de texto, mantas, material de oficina e ofimático ou DVDs de películas ou música.

Neste programa, que se celebra este ano por segunda vez, a Dirección Xeral constitúe un elemento de enlace entre o doante e o receptor, de xeito que a aceptación, o transporte e a recepción dos elementos doados corren por conta das ditas partes.

Os obxectos doados deberán estar en bo estado e en condicións adecuadas para ser usados por outras persoas.

Desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado faise un chamamento para que todos aqueles particulares ou establecementos interesados en doar material se poñan en contacto mediante a paxina web www.voluntariadogalego.org, a través do correo electrónico voluntariado@xunta.es ou chamando ao teléfono 900 400 800, onde se facilitará o contacto da entidade ou entidades que máis che interesen.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí