Máis de 70 persoas poderán acceder na provincia de Ourense á Certificación oficial de informador xuvenil, pioneira en España

  • O prazo de inscrición para participar neste procedemento de acreditación será do 1 ao 31 de marzo de 2013
  • Rogelio Martínez asistiu á xornada celebrada no Espazo Xove de Ourense para informar sobre este proceso

Máis de 70 persoas na provincia de Ourense poderán acceder á certificación oficial de informador xuvenil, pioneira en España. A Consellería de Traballo e Benestar,a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, publicou no DOG do 16 de novembro de 2012 a convocatoria do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais para os informadores xuvenís. Deste xeito, Galicia convértese na primeira Comunidade do Estado que lle vai a facilitar aos técnicos da información xuvenil a posibilidade de obter un certificado de profesionalidade.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, achegouse esta mañá ao Espazo Xove da cidade das Burgas para participar na xornada que este departamento autonómico organizou para informar sobre o procedemento de asesoramento e avaliación a todos os informadores xuvenís, e aquelas persoas que reúnan os requisitos. No acto estivo acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas.

A cualificación profesional de informador xuvenil recoñeceuse no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, dentro da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade, que se publicou no BOE do 9 de maio de 2011.

Con este procedemento de recoñecemento de competencias profesionais Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma en ofrecerlle a posibilidade aos técnicos que levan máis de tres anos de profesión, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos de obter o certificado de profesionalidade a través da acreditación das súas competencias adquiridas pola súa experiencia laboral ou pola formación obtida a través da educación non formal (xustificaranse polo menos 300 horas nos últimos 10 anos).

A Rede Galega de Información Xuvenil está formada polas 244 oficinas municipais de información xuvenil dependentes dos concellos, os 56 puntos de información xuvenil dependentes de asociacións, os 12 Espazo Xove autonómicos e o Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil.

Ourense representa o 22,33% destes Servizos de Información Xuvenil, con 59 OMIX e 8 puntos de información xuvenil, así como o Espazo Xove de Ourense. Deste xeito, Rogelio Martínez salientou que “con esta iniciativa, na provincia de Ourense, se poderán beneficiar desta medida máis de setenta informadores xuvenís”.

Neste procedemento poderán obter o certificado de profesionalidade as persoas que acrediten as catro unidades de competencia das que consta. Os técnicos que non poidan completar o proceso poderán obter unha acreditación parcial, podendo posteriormente adquirir as outras. O prazo de inscrición para participar neste procedemento prolongarase durante o vindeiro mes de marzo.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí