A Consellería de Traballo e Benestar reforzará este ano os programas de mobilidade dirixidos á mocidade facendo fincapé en aqueles que están vinculados á realización de prácticas laborais no estranxeiro.

Así, o departamento autonómico reforzará a súa colaboración coa Fundación Paideia para o desenvolvemento do proxecto ‘La Ida’, unha iniciativa que permitirá a 10 mozos e mozas galegos traballar ao longo de catro semanas en Alemaña nos sectores do metal, a produción industrial, a saúde, a gastronomía e o comercio.

Así o destacou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, na inauguración das xornadas ‘Mobilidade de mozos e mozas en situación de desvantaxe’ enmarcadas no proxecto ‘La Ida’ da Fundación Paideia e co que colabora a Xunta. Esta iniciativa ten como obxectivo principal impulsar o intercambio entre a mocidade galega e alemá en situación de desemprego. Neste proxecto investiranse preto de 25.000 euros. Hoxe comeza o prazo de inscrición a través da web http://xuventude.xunta.es.

Mato apuntou que a este programa sumaranse outros vinculados á realización de prácticas no estranxeiro. Resaltou, deste xeito, que o Goberno galego multiplicará este ano por cinco as prazas ofertadas en 2012 a través de Galeuropa, ata chegar ás 250. Duplicará, ademais, as semanas de estancia que pasarán de 4 a 8. Nesta campaña investiranse 600.000 euros.

Galeuropa terá lugar este ano entre xuño e novembro e estará regulado por unha orde que se publicará a finais do próximo mes.

Este proxecto púxose en marcha de forma experimental o ano pasado cun orzamento de 85.000 euros, o que permitiu ofertar 50 prazas para a mocidade galega en 6 países diferentes.

“Esta demostrado que as empresas valoran moi positivamente o coñecemento de idiomas e a estancia noutros países á hora de estudar un currículum”, apuntou a conselleira. De feito, comentou que en Galicia hai “experiencias moi positivas” cos programas de mobilidade que inclúen prácticas laborais no estranxeiro.

Eurogal

Outro dos programas de mobilidade con prácticas laborais ao que se referiu a titular de Benestar foi ‘Europeizando Galicia’ (Eurogal). Trátase dun novo proxecto, enmarcado no programa Leonardo da Vinci da UE, que ofertará 3 meses de traballo en diversos países europeos.

Esta actuación está pendente da aprobación do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos e ten previsto ofrecer 100 prazas. O orzamento será de máis de 260.000 euros de financiamento europeo.

O que pretendemos é incrementar a participación e implicación social da mocidade e mellorar a súa empregabilidade e os programas de mobilidade supoñen unha excelente forma de dar unha resposta a estes obxectivos”, apuntou Mato.

Así, sinalou que o Goberno galego, a través destas iniciativas, ofrece aos mozos e mozas vantaxes como a mellora do seu currículum, o incremento da súa competencia en idiomas, a invitación a asumir responsabilidades e tomar decisións e, por último, fomenta o desenvolvemento de valores como o respecto e a tolerencia.

Por iso, a conselleira indicou que a mobilidade é un piar das políticas da Xunta en materia de xuventude e, así, é un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude 2010-2013.

En total, a través dos programas de mobilidade, a Consellería de Traballo e Benestar ofertará este ano preto de 2.500 prazas aos mozos e mozas galegos. Na pasada lexislatura investíronse 3 millóns de euros na posta en marcha de preto de 9.000 prazas nas distintas actuacións realizadas nesta materia.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí