Economía e Industria intensifica os controis para garantir a seguridade na compra de disfraces

  • O Instituto Galego de Consumo pon en marcha unha campaña específica para asegurar que os produtos que están á venda non presentan riscos
  • Ademais de incrementar as inspeccións, estanse a analizar no Laboratorio de Consumo artigos de entroido destinados aos máis pequenos
  • Desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar este tipo de vestimentas como medida de prevención de accidentes
  • Galicia é líder no control de produtos perigosos e foi a comunidade que máis alertas comunicou durante o pasado ano á Rede Nacional

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, está a desenvolver un ano máis unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido.

Tal e como explicou esta mañá en rolda de prensa a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, estanse a intensificar as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio Galego de Consumo.

A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar unha primeira partida de vinte mostras de artigos destinados a menores de 7 anos, entre os que se inclúen disfraces, máscaras, antefaces, perrucas e barbas.

No caso de que se detecte que algún destes produtos presenta riscos, procederase a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Líderes a nivel nacional

Galicia, que conta co único laboratorio público oficial acreditado para a análise de xoguetes e produtos téxtiles, é a comunidade que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano, xa que é tamén a que máis investiga neste terreo.

Así, ao longo de 2012 o Instituto Galego de Consumo comunicou á Rede Nacional un total de 179 alertas de produtos, un 28% do total do conxunto de España. Entre os produtos notificados atopábanse vestimenta e calzado infantil (65 produtos) xoguetes (48 produtos) e produtos eléctricos e electrodomésticos (36 produtos), ademais de outros como luminarias ou artigos decorativos.

No tocante aos produtos de entroido, como resultado das actuacións que o Instituto Galego de Consumo levou a cabo o ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional 39 produtos que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa, tras analizar un total de 51 mostras. Ademais, ao longo de 2012 a Inspección de Consumo procedeu a retirar do mercado máis de 4.500 unidades de disfraces, máscaras ou perrucas, como resultado de todas as alertas producidas a nivel nacional.

Consellos para a compra de disfraces

A campaña que está a desenvolver o Instituto Galego de Consumo tamén inclúe accións de información, distribuíndo a través de internet e entre colectivos de consumidores diferentes consellos e recomendacións. Así, desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos.

Desde o Instituto recórdase que os disfraces para nenos teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiqueta a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesaria para realizar calquera reclamación posterior.

Os disfraces dos nenos non deben levar cordóns na zona do pescozo nin botóns ou outros compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia. Recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.

Os traxes que non sexan axeitados para nenos menores de tres anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. No tocante ás máscaras, hase de comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberán ser axeitadas para a pel dos nenos, e deberán probarse antes nunha zona da man ou do brazo.

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here