Economia e Industria habilita puntos comarcales de asesoramiento especializado para reforzar a defensa dos afectados polas preferentes.

  • Consumo IGC
    Consumo IGC

    Os novos servizos de atención especializada e personalizada de Ponteareas e O Rosal botaron xa a andar e en Cangas e Vilagarcía farano os vindeiros días.

  • Con esta acción refórzase o labor realizado desde o primeiro momento polas oficinas do Instituto Galego de Consumo nas sete grandes cidades galegas, en coordinación coas oficinas municipais e provinciais e as asociacións de consumidores.
  • A Xunta está a desenvolver unha completa estratexia de apoio centrada na información, o asesoramento, a tramitación de reclamacións e a busca de solucións.

A Xunta, que desde o primeiro momento está a desenvolver unha completa estratexia de apoio aos afectados pola comercialización de participacións preferentes, está a reforzar a protección dos intereses destes consumidores coa apertura de novos puntos específicos de atención directa e especializada. Estes novos servizos botaron a andar xa en Ponteareas e O Rosal, mentres que o de Vilagarcía de Arousa comezará a funcionar mañá e o de Cangas farao o vindeiro luns.

O ámbito de actuación destas oficinas é comarcal, dando servizo a todos os concellos das súas respectivas zonas, e están situadas naqueles puntos onde se concentran as asociacións e plataformas de afectados, non descartando habilitar novos puntos se así se considera oportuno.

Con esta acción compleméntase e refórzase o labor de apoio e asesoramento que se está facendo de forma continua e desde o primeiro momento no Instituto Galego de Consumo, con presenza nas sete cidades galegas, en coordinación tamén coas oficinas provinciais e municipais de atención ao consumidor, que conforman unha rede de preto de cen oficinas, así como coas asociacións de consumidores.

A iniciativa súmase ao constante traballo que está a realizar o Goberno galego para avanzar na solución deste asunto que afecta a miles de galegos, dentro dun plan de acción que a Conselleria de Economía e Industria trasladou xa ao Consello da Xunta no que se inclúen as medidas que xa se levaron a cabo e máis as que porá en marcha para continuar a defender os consumidores.

Desde a Consellería de Economía, que propón a vía extraxudicial da arbitraxe para resolver con maior axilidade os conflitos xurídicos derivados deste problema, leváronse a cabo accións para reforzar a formación de especialistas para garantir un o servizo informativo a disposición dos consumidores afectados. Ademais, entre outras medidas, mantivéronse encontros coa Fiscalía, coas asociacións de consumidores e coas entidades financeiras para avanzar nas solucións deste asunto.

Os consumidores que queiran recibir atención personalizada poden facelo nas oficinas do Instituto Galego de Consumo, nas oficinas municipais e provinciais de información ao consumidor e nos propios concellos onde están ubicados os novos puntos de asesoramento, así como nas asociacións de consumidores.

Fonte: Instituto Galego de Consumo.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí